Reunión do BNG coa asociación de veciños de Vilanova dos Infantes
O BNG de Celanova vén de reunirse coa Asociación de Veciños Gutier Menéndez de Vilanova dos Infantes para coñecer de primeira man os proxectos e actividades dun colectivo moi dinámico malia a que apenas ten un ano de vida.
Membros da directiva da asociación trasladaron á representación nacionalista a súa demanda de apoio desde o BNG a iniciativas como a aldea modelo ou a posta en valor de elementos de alto valor patrimonial, como o Cristo románico para o que a asociación reclama melloras nos horarios de visita, así como a inclusión no circuito de visitas da igrexa parroquial de San Salvador, onde está a escultura.
O BNG convidou a asociación a traballar de forma conxunta na coordinación comarcal e municipal de feiras e mercados locais, unha proposta que o portavoz nacionalista, Leopoldo Rodríguez, levou o pleno de Celanova a finais de 2020 e que tivo o respaldo dos grupos, e que tamén saíu adiante na Merca e Cartelle. O BNG tamén reclamou o interese da Gutier Menéndez, que organiza diversos eventos en Vilanova e novos ten proxectos, a respecto doutra iniciativa nacionalista tamén validada polo pleno: a constitución dunha mesa de comercio no Concello de Celanova.
As representacións da asociación e do BNG de Celanova coincidiron en continuar os contactos para cooperar nas iniciativas de interese común.