MUNICIPAIS 28M
BNG CARTELLE: A ilusión experta
“Quen nos presentamos a estas eleccións, ademais da obriga de gobernar con transparencia, temos que ter presente a realidade na que vivimos e, en colaboración co tecido asociativo, impulsar dinámicas que busquen cambiar a realidade económica do noso concello e do noso país”, dixo Manuel Ferro, candidato do BNG á Alcaldía de Cartelle durante o acto comarcal xunto a Ana Pontón, a portavoz nacional, o pasado 22 de abril, no arranque da campaña das Municipais 2023.
O BNG de Cartelle presenta unha candidatura equilibrada, con militantes con experiencia dabondo e novas incorporacións que achegan as inquedanzas doutra xeración.
"Queremos impulsar dinámicas que busquen cambiar a realidade económica do noso concello e do noso país”, dixo Manuel Ferro, candidato do BNG a alcalde.
O BNG de Cartelle renovou ademais as súas propostas, e xunto ao combate contra as políticas do PP, neste próximo mandato, as nacionalistas aspiran a levar adiante desde o goberno estas medidas que son tamén o seu compromiso coa veciñanza:
1- Atención aos nosos maiores: construción dun centro de día público para que as persoas maiores teñan garantidos os coidados básicos mantendo a súa independencia.
2- Establecemento dun transporte público para todas aquelas persoas residentes no concello que necesiten desprazarse para recibir calquera servizo dentro do concello ou na cabeceira de Comarca.
3- Extensión da fibra óptica a todos os núcleos de poboación.
4- Servizo de ludoteca polas tardes para os nenos e ampliación do horario e da dotación da biblioteca municipal. Actividades culturais dirixidas a todas as veciñas e veciños.
5- Impulso das concentracións parcelarias nas parroquias que non a teñen e da marca viños da terra para a súa comercialización.
6- Relanzamento da feira Cartelle, tal e como fixeron os concellos veciños, complementando a actividade comercial con actividades culturais e lúdicas e promocionando os produtos de proximidade.
7- Transparencia na xestión municipal e na contratación de persoal. Os concellos e a mancomunidade de Celanova foron ata agora a bolsa de emprego para os familiares e militantes do PP, o BNG vai esixir transparencia na contratación do persoal e na xestión administrativa en todos os organismos nos que estea presente.
8- Planificación urbanística: Información en cada parroquia do Plan Básico de Ordenación Municipal unha vez se aprobe definitivamente.
9- Recuperación e posta en valor do patrimonio do noso concello: Torre de Sande, Ponte Freixo, os numerosos castros e mámoas, muíños e rutas fluviais, rutas de sendeirismo, romarías e festas patronais.
10- O recoñecemento de Mª Áurea Rodríguez, primeira gaiteira documentada da historia e veciña do noso concello. Creación dun centro de información para dar a coñecer a súa vida e a dos seus irmáns, e tamén a doutros músicos do concello, coma o Rella, etc.
11- Apoio á Banda de Musica Municipal de Cartelle e as actividades de formación dos cativos tanto da banda como dos grupos de musica tradicional.
O 28 de maio, a alternativa para que en Cartelle cambien as cousas é o BNG.