MUNICIPAIS 2023

O BNG de Celanova escoita á comunidade venezolana: estas son as súas demandas

Reunion coa comunidade venezuelana. 03.05.23 Bar América Celanova
Reunión coa comunidade venezolana no Bar América este martes 2 de maio.

O colectivo expuxo a necesidade de mellorar o acceso á atención sanitaria pública, así como a garantía de igualdade de oportunidades na concorrencia a prazas en obradoiros de emprego.

O BNG creará unha Unidade de Atención ao Retorno e á Inmigración, e un Plan de loita contra o racismo.

En cuestión de seguridade cidadá, o BNG levará no seu programa a creación dunha Xunta Local de Convivencia.

O BNG de Celanova escoita á comunidade venezolana: estas son as súas demandas

O BNG de Celanova convocou onte á comunidade venezolana asentada no concello de Celanova. Membros do colectivo de inmigrantes e retornados máis importante na vila nos últimos anos informaron a Leopoldo Rodríguez, candidato nacionalista á Alcaldía, Xulia Paz, número 2, e María Rodríguez 'Cabaco', número 5, das súas inquedanzas e demandas como colectivo migrante e, tamén como veciñas e veciños de Celanova.

 

O BNG informou da súa intención de manter no programa electoral, que se presentará en breve, a demanda dunha Unidade de Atención ao Retorno e á Inmigración, con persoal cualificado, que resolva trámites xurídicos e desenvolva políticas de orientación. Ademais, as nacionalista proporán a creación dun Plan de loita contra o racismo, con actividades en centros educativos e outras accións de sensibilización.

 

Entre as demandas do colectivo, como colectivo migrante, na reunión deste martes subliñáronse a necesidade de mellorar o acceso á atención sanitaria pública, que en demasiadas ocasión topa co obstáculo da documentación persoal; así como a garantía de igualdade de oportunidades na concorrencia a prazas en obradoiros de emprego.

 

Como veciñas e veciños, tamén reclaman a creación dunha rede de transporte público que facilite a conexión con Ourense e intercomarcal, e melloras no servizo de taxis; así como políticas de promoción económica eficaces que, por exemplo, faciliten a instalación de novas empresas no solo industrial en oferta, algo que desde o BNG se insiste debe comezar pola elaboración dun PXOM.

 

Tamén botan de menos actividades de lecer específicas dirixidas ás cativas e aos cativos, máis alá da práctica deportiva, e chaman a atención sobre a inseguridade nocturna e a promoción de medidas preventivas vinculadas ao ocio nocturno, ademais de sinalar cuestións de mobilidade e accesibilidade en determinadas rúas e beirarrúas e equipamentos municipais.

 

En cuestión de seguridade cidadá, o BNG levará no seu programa a creación dunha Xunta Local de Convivencia, que traballe a partir da recompilación e transparencia nos datos estatísticos sobre as intervencións e as actividades da policía local, e poida indicar accións concretas e mesmo un servizo de mediación.

 

No servizo de taxis, o BNG promoverá unha comunicación permanente co sector do taxi para garantir unha maior calidade no servizo. E, en canto a mobilidade, o eixo das políticas do BNG será garantir a accesibilidade universal ás beirarrúas, ás rúas e aos edificios e equipamentos públicos, ampliando beirarrúas, creando corredores peonís, singularmente, camiños escolares seguros, elevando os pasos de peóns segundo as rúas para calmar as velocidades dos coches, e implementar unha regulación das terrazas.

O BNG de Celanova escoita á comunidade venezolana: estas son as súas demandas