MUNICIPAIS 28M
O BNG de Celanova urxe a protección da pintada Adiante e alerta sobre o desleixo do patrimonio
Leopoldo Rodríguez, candidato do BNG á Alcaldía de Celanova, e militantes da organización, realizaron onte un acto de protesta na Praza Maior de Celanova para urxir a protección da pintada ‘Adiante Semanario’ realizada en 1933 por membros das Mocedades Galeguistas, fundadas aquel ano por Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro, entre outros.
A protección da pintada xa foi obxecto de debate nos plenos de novembro e marzo pasados, onde o BNG deu voz á demanda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. Malia o acordo plenario, o goberno local CD+PSOE non foi quen de implementar unha protección para a pintada, que se está deteriorando a consecuencia dos golpes de balóns polos xogos de cativos.
“É o exemplo máis evidente da incompetencia deste goberno municipal, que leva semanas pintando muros e valados para presentar unha cara bonita nas eleccións, mais é incapaz de protexer un elemento histórico que mesmo fai parte da promoción que fai a Fundación Curros e se atopa na fachada dun BIC, o Mosteiro de Celanova, que sufre tamén constantes agresións coa colocación de cables ou uso indiscriminado do claustro barroco para actividades que deberían ter outros enclaves”, manifestou Leopoldo Rodríguez, voceiro do BNG.
“É o exemplo máis evidente da incompetencia deste goberno municipal, que leva semanas pintando muros e valados para presentar unha cara bonita nas eleccións, mais é incapaz de protexer un elemento histórico", di Leopoldo Rodríguez.
E avanzou que o BNG recollerá no seu programa electoral, que será presentado a próxima semana, as reivindicacións de protección da pintada e outras demandas de política de memoria histórica que puxo sobre a mesa o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
Así, o Bloque Nacionalista Galego, incluirá as seguintes propostas no apartado ‘A recuperación da memoria’:
1. Retirada inmediata do vestixio fascista do Outeiro da Obra e outros elementos de exaltación do réxime segundo as competencias que a Lei xa concede aos concellos.
2. Resignificación do espazo do Outeiro da Obra fomentando actividades de memoria no mesmo.
3. Creación dun Lugar de Memoria no cemiterio de San Breixo, en Celanova, xa documentado como lugar de memoria, e instalación nel dun memorial ás vítimas do franquismo.
4. Documentación, catalogación e recuperación do camiño até o Outeiro da Obra que construíron os presos do cárcere franquista de Celanova.
5. Documentación e protección da pintada ‘Adiante Semanario’ na fachada do Mosteiro de Celanova, obra das Mocedades Galeguistas.
6. Sinalización no concello de Celanova do memorial de Xosé Vizoso ás vítimas do franquismo no Furriolo.
7. Apoiar unha investigación integral do acontecido no Furriolo despois do golpe de Estado de 1936, e elaboración dun censo de execucións extraxudiciais.
8. Colocación dunha placa no edificio dos Xulgados en Celanova en lembranza das mulleres que sufriron alí condena.
9. Creación no Mosteiro de Celanova dun Centro de Interpretación da Memoria Histórica de Celanova e a súa comarca.
10. Recoñecemento institucional e homenaxe no próximo mandato á última corporación municipal da II República.