Consideracións do BNG sobre o comercio e o tráfico en Celanova
O BNG de Celanova, despois de ter escoitado onte a unha ducia de comerciantes e hostaleiros, de ter visitado máis de trinta negocios da vila durante a última semana e escoitado ás súas propietarias, e ter atendido queixas doutros tantos en conversas ou a través das redes socias, está en disposición de facer as seguintes consideracións a respecto da situación actual do comercio e da hostalaría na vila e o sentir dos propietarios:
1. A veciñanza quere falar e debe ser escoitada. Ten dereito a ser escoitada cando fala.
2. Hai un malestar evidente, clamoroso, a respecto do impacto da reordenación do tráfico no comercio e na hostalaría da vila.
3. O malestar non vai desaparecer por moito que se silencie a opinión maioritaria do comercio e da hostalaría.
4. Ese malestar ten que ver cunha percepción nidia por parte de comerciantes e hostaleiros: “Falta público, falta xente”.
5. Seis meses despois dos cambios no tráfico, a xente xa avaliou e pregúntase: En que axudaron eses cambios?
6. A queixa central parte dunha constatación: Os cambios no tráfico non axudaron a traer xente.
7. A queixa dos comerciantes e dos hostaleiros do centro, das rúas afectadas polos cambios é que os cambios expulsaron xente.
8. A maioría dos comerciantes e hostaleiros aos que escoitamos e atendemos pensan que é urxente avaliar e actuar: Mudar cousas que non resultaron.
9. A maioría apuntan aspectos concretos dos problemas que xerou a reordenación do tráfico: inseguridade peonil (rúa Colón); sobrecarga de tráfico rodado (rúa Colón); riscos para o tráfico rodado (cruzamentos rúa Colón/rúa Curros Enríquez; e acceso ao aparcadoiro en dirección ás Lobeiras); sinalización deficiente; aparcadoiros con firme en mal estado e descoidados na accesibilidade de persoas con mobilidade reducida; corte da circulación circular na vila, o que obriga a traxectos longos (mesmo máis longos que o trazado transversal da vila, ou risco de “colapso” se se produce a avaría dun vehículo nunha das vías sensíbeis).
10. A relación anterior, serve para comerciantes e hostaleiros achaquen o fracaso a unha mala planificación da reordenación. E apuntan exemplos doutras vilas que viviron procesos similares: onde funciona, constatan, “ou pasan coches, ou pasa xente; aquí nin pasan coches nin pasa xente”.
11. A interrupción dos fluxos de vehículos e peóns consolidados sería, na súa opinión, a causa da expulsión de xente do centro e o agravamento da “falta de xente” (público, “que nos vexa”; faltan clientes e oportunidades de negocio).
12. Comerciantes e hostaleiros aprecian que Celanova volveuse coa reordenación do tráfico, “un espazo máis incómodo para a xente”, para os seus potenciais clientes, para moitas das veciñas e veciños que non poden prescindir do coche para realizar as súas compras cotiás. Toda esa “incomodidade” non a vén “compensada” por un aumento no fluxo de visitantes e potenciais clientes.
13. Despois de seis meses de aplicación da reordenación, comerciantes e hostaleiros vense en condicións de responder á pregunta que se fan no punto 4. A resposta é: “Fomos a peor”. Aínda que son conscientes de que comercio e hostalaría das rúas que non se reordenaron si se puideron ver beneficiadas nalgunha medida polo cambio na mobilidade. Mais o centro, está peor. E ese centro é percibido como o conxunto completo de espazo afectado pola peonalización: desde a praza das Pitas e as rúas Colón e Curros Enríquez, até a praza do Millo, Alameda e rúa Encarnación.
14. Comerciantes e hostaleiros, en opinión do BNG de Celanova, expresan a necesidade de seren escoitados non só polas queixas que teñen que facer, tamén polas alternativas que propoñen unha vez identificados nestes seis meses os problemas.
15. Na súa experiencia dunha reordenación do tráfico que aprecian como “imposta” (e o BNG considera que así foi e advertiuno desde o principio), ven oportunidades para a mellora a partir de elementos que poden ser útiles (aparcadoiros) e outros que urxe incorporar: como a sinalización, non só a de tráfico, senón tamén a de promoción turística dentro e fóra da vila, e medidas de dinamización do comercio e das rúas.
PROPOSTA
O BNG de Celanova agradece a todas e todos que nos permitiron escoitar de primeira man o sentir do comercio e hostalaría na vila. E comprometeuse onte a levar a voz de comerciantes e hostaleiros que queren ser escoitadas ao resto dos grupos da corporación.
O BNG de Celanova considera que todos os actores son imprescindíbeis nun proceso de revisión da reordenación do tráfico o pasado verán e que todos debemos participar e ter voz nas cuestións que claves para o presente e o futuro da vila.
Por iso, o BNG trasladará ao resto dos grupos da corporación a proposta de convocar un pleno extraordinario para debater o resultado e os impactos da reordenación do tráfico, no que de partida non se exclúa solución ningunha; e convocalo despois de que todos teñamos escoitado á veciñanza, sen exclusión ningunha.
Despois da semana que rematou na reunión de onte, temos o convencemento de que este é o método, entre todas e todos, e que nisto consiste a democracia e a posibilidade de futuro para Celanova.
CELANOVA, 6 DE FEBREIRO DE 2022.
...
👉 Ourense Dixital: https://www.ourensedixital.com/_novas/22/02/04_04.htm
👉 LA REGIÓN: https://www.laregion.es/articulo/celanova/bng-celanoves-pide-pleno-hablar-peatonalizacion/202202062202531104428.html