O BNG vota contra o orzamento da Mancomunidade que se elaborou coa opacidade que caracteriza ao PP

Imaxe dun pleno da Mancomunidade. Fotografía: LaVoz
Imaxe dun pleno da Mancomunidade. Fotografía: LaVoz
As nacionalistas advirten que a institución segue sen RPT, que o goberno de Pérez Cortés non explica os criterios de distribución do gasto nin atende ás propostas da oposición.
O BNG vota contra o orzamento da Mancomunidade que se elaborou coa opacidade que caracteriza ao PP

O Bloque Nacionalista Galego oporase este martes á aprobación das contas da Mancomunidade Terra de Celanova por considerar que os orzamentos volveron elaborarse sen contar coas achegas da oposición e sen a transparencia mínima esixíbel a unha institución democrática. As nacionalistas votarán en contra dos orzamentos 2020 porque foron elaborados coa opacidade que caracteriza ao PP e seguen deixando sen contestar resposta cuestión que preocupan á veciñanza, que van desde a avaliación das políticas de atención á dependencia até a eficacia da recollida do lixo.

 

“Botamos de menos unha explicación detallada dos servizos que se prestan e se estes están en consonancia co número de traballadores e traballadoras que ten a mancomunidade”, indica Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG en Celanova. “Non se indica cantas persoas están atendidas en dependencia nin cantas están na lista de espera e por que”.

 

Pendentes cuestións laborais e de fiscalización de contas

Desde o BNG lembran ademais que o goberno presidido por Pérez Cortés aínda non publicou a RPT (Relación de Postos de Traballo) nin dá conta das medidas que adoptou, se é que adoptou algunha, para que as traballadoras e traballadores cumpran os seus horarios diante das queixas reiteradas da veciñanza pola falta de atención nin tampouco foi quen de dar unha explicación sobre a saída a comezos de ano do Secretario-interventor, quen afirmou que deixaba o posto “por dignidade” e porque “non podía facer o seu traballo”.

 

A respecto da RPT, as nacionalistas levan insistindo desde a constitución do pleno da Mancomunidade o pasado verán na necesidade de que se faga público o número de traballadoras e traballadores e “que fai cada quen” para valorar os desequilibrios que poidan existir na distribución do persoal e se iso ten a ver coa ineficacia na prestación de servizos que están a padecer veciñas e veciños. 

 

A asemblea comarcal do BNG considera que a Mancomunidade está “mal xestionada” e “optimiza mal os recursos” polo que “dilapida os cartos públicos”. “Os nosos votos representan unha emenda á totalidade da xestión de Pérez Cortés”, explica Leopoldo Rodríguez. “Non é para nada o orzamento que nós faríamos e non houbo vontade de facernos partícipes”, resumiu. 

 

Obradoiro de emprego, exemplo mala xestión

O BNG pon como exemplo da mala xestión que afecta á Mancomunidade a convocatoria este ano dun novo obradoiro de emprego destinado a “potenciar e procurar a inserción sociolaboral do alumnado” e “satisfacer a demanda laboral no eido sociosanitario”. 

 

As nacionalistas cuestionan que os cursos, que a Xunta de Galiza subvenciona nesta edición con algo máis de 218.000 euros, non veñen servindo nin para crear emprego nin moito menos para cubrir a demanda no sector sociosanitario. A experiencia de anos anteriores indica que o obradoiro de emprego fai parte da rede clientelar do PP e apenas serve para que as alumnas e alumnos anotados cobren unha paga durante os 9 meses do curso.

O BNG vota contra o orzamento da Mancomunidade que se elaborou coa opacidade que caracteriza ao PP