MUNICIPAIS 28M

Leopoldo Rodríguez: “O BNG ten equipo e bagaxe para gobernar Celanova”

a2
O acto celebrouse no AMIC diante da previsión de chuvia.

O candidato nacionalista chama a “mudar Celanova para sempre” da man do Bloque despois de tres décadas de caciquismo.

 

Propón “cumprir os soños colectivos” dunha Celanova máis libre e máis consciente de si mesma, respectuosa coas crianzas e cos maiores e que promova a igualdade de oportunidades, a educación para todas e en todas as idades, a cultura propia e a universalidade das nosas tradicións.

Leopoldo Rodríguez: “O BNG ten equipo e bagaxe para gobernar Celanova”

“Nesta semana que queda para as votacións, pedide o voto para o BNG, porque somos o equipo coa disposición, a bagaxe e a experiencia necesarias para mellorar Celanova”, dixo Leopoldo Rodríguez, o candidato do BNG á Alcaldía de Celanova onte no AMIC, onde tivo que trasladarse, a causa das previsións de chuvia, o mitin central das nacionalistas de Celanova previsto inicialmente para a Alameda.

 

Despois do cheo no Refectorio o 22 de abril na presentación das candidaturas da comarca con Ana Pontón, a portavoz nacional, o recinto, o hall do Auditorio, volveu quedar pequeno con ducias de simpatizantes e veciñas reunidas para escoitar ás nosas candidatas, acompañadas nesta ocasión do deputado por Ourense, Iago Tabarés.

 

“O momento é delicado e o panorama, desalentador. Despois de 30 anos, tres décadas, de caciquismo, Celanova é máis pobre, ten menos vida, menos asociacións, menos xente, menos recursos, esquilmaron todo, mataron todo”, describiu Leopoldo Rodríguez. 

 

“E agora aparecen coa mesma receita: herdeiros de caciques coa mesma idea de vivir do saqueo do público... O momento é delicado, mais hai alternativa e futuro a través do BNG. Porque somos  xente sen medo e que non lles debe nada nin queren negocio ningún con eles”, avanzou.

O BNG de Celanova propón “cumprir os soños colectivos” dunha Celanova máis libre e máis consciente de si mesma, respectuosa coas crianzas e cos maiores e que promova a igualdade de oportunidades, a educación para todas e en todas as idades, a cultura propia e a universalidade das nosas tradicións.

Levamos 40 anos loitando e defendendo este país; e para defender Celanova non hai outra maneira que traballar, ser responsábeis, honestos, e traballar, traballar, e traballar sempre a carón da xente. Non coñecemos outra maneira, porque non a hai. Votade BNG e pedide o voto ao BNG", insistiu o candidato nacionalista. "Porque se temos a forza suficiente: imos mudar Celanova desde o goberno municipal e imos mudala para sempre".

O momento é delicado, mais hai alternativa e futuro a través do BNG. Porque somos  xente sen medo e que non lles debe nada nin queren negocio ningún con eles”, avanzou o candidato.

a7

Antes, Xulia Paz, a número 2 da lista do BNG de Celanova, falou do traballo feito e das cuestións urxentes por atender. “Fartámonos de escoitar: o servizo de radioloxía desapareceu para sempre, onde ides?; as empresas eléctricas son intocables, onde ides?; a cruz falanxista non se toca, onde ides? E a xente do BNG non se rendeu. O servizo de radioloxía recuperouse. Grazas ao BNG. O polígono eólico con eses monstros de 200 metros sobre o Monte da Neve, parouse. O símbolo falanxista do Outeiro da Obra está sentenciado por lei. Mesmo o propio monte recuperou o seu nome”, lembrou.

 

Xulia Paz avanzou algunhas das medidas inmediatas que o BNG tomará ou esixirá tomar a partir do 29 de maio: "Imos mudar Celanova nos próximos catro anos. Empezando por arranxar a escaleira que dá acceso ao patio no Colexio Curros Enríquez. Recuperando o Folión Castrexo, esa festa que agora vén o PP dicindo que quere recuperar, o mesmo PP que matou a festa. Imos dotar Celanova cunha Casa da Mocidade, do Museo-Arquivo Municipal de Historia de Celanova, dun novo calendario de feiras e eventos, profesional, ben traballado. E que esa vida xire ao redor do Mosteiro, si, pero respectando o patrimonio que trae riqueza e prestixio e os primeiros en gozar del teñen que ser os veciños e veciñas... e para gozalo hai que coñecelo e coidalo... e despois virá todo".

a3
Leopoldo Rodríguez, onte.

Ernesta Seoane, a número 3 da candidatura e responsábel comarcal do BNG Terra de Celanova-Baixa Limia, sinalou na apertura do acto que "hoxe estamos nas vésperas de dar un paso decisivo. As municipais son un reto para o BNG. Un reto onde o Bloque Nacionalista Galego aspira a gobernar en máis concellos que nunca antes. En Celanova, traballamos para achegar, a nosa parte. Traballaremos até o último día e necesitamos que traballedes connosco por cada voto. Todos os votos son importantes. Cada voto conta".

 

Ernesta Seoane insistiu ademais en que "chegou o momento de dicir que en Celanova as cousas van cambiar. Que o Curros merece un respecto. Que á Fundación que leva o seu nome hai que lle dar unha volta completa. Que a cultura non pode estar en mans de calquera. Que o Mosteiro se respecta. Que a historia se respecta. Que a paisaxe e o legado inmaterial se respectan. Que o tesouro pertence as vindeiras xeracións".

a9

O Bloque Nacionalista Galego de Celanova aspira a ser forza de goberno no próximo mandato, 2023-2027, e a desenvolver as liñas do seu programa, con medidas que xa se foron dando a coñecer nesta primeira metade da campaña, como á Área de Rehabilitación Integral para a zona da Ermida, a Calle Abaixo e O Areal, a creación dos consellos sectoriais de Mocidade, Educación e Saúde con participación veciñal, o banco de locais comerciais baleiros, a Bienal de Música Antiga para poñer en valor ademais os nosos BIC, ou a Carta da Paisaxe para a protección medioambiental e patrimonial do territorio e medidas de información, concienciación e mitigación a nivel local do gran reto dos nosos días: o quecemento global.
 

Leopoldo Rodríguez: “O BNG ten equipo e bagaxe para gobernar Celanova”